Este mes cúmprense dez anos do pasamento da escritora e
xornalista Begoña Caamaño.
Nas súas novelas “Circe ou o pracer do azul” (2009) e “Morgana en Esmelle” (2012) revisitou, respectivamente, a mitoloxía clásica e a materia de Bretaña, achegando ás lectoras e lectores unha nova perspectiva lila das personaxes de Circe e Morgana.
Nos anos 2012 e 2013 foi recoñecida, pola novela “Morgana en Esmelle“, con diferentes galardóns, como o Premio Ánxel Casal da AGE ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e o Premio Losada Diéguez de creación literaria.
Nas páxinas finais da novela “Morgana en Esmelle” recolle un derradeiro agradecemento a Álvaro Cunqueiro, do que —sinala a autora— aprendeu “que os mitos están vivos e temos o dereito de facelos nosos”.
O martes, 10 de decembro de 2024, decorrerá a primeira reunión do Club de Lectura Labirinto de Mogor II do IES Chan do Monte, dirixido a persoas adultas da nosa comunidade educativa. A obra seleccionada para esta reunión será a novela “Morgana en Esmelle” da escritora Begoña Caamaño.