Vistas de página en total

martes, 28 de abril de 2026

LARA LARS



                                            (Foto: Bamba Editorial)
   

   Lara Lars (nome real: Lara Alonso Ozores) naceu en Salceda de Caselas (Pontevedra, Galicia). É unha ilustradora, deseñadora gráfica e artista visual recoñecida polo seu estilo único baseado na técnica da colaxe, cunha forte carga estética e conceptual vinculada o feminismo e ao surrealismo.

   Aínda que hoxe é coñecida no mundo da arte, a súa formación inicial non foi artística, senón en arquitectura. Este aspecto influíu profundamente na súa obra, especialmente na presenza constante de edificios de estilo brutalista nas súas composicións.


   Un dos eixos centrais da súa obra é a recontextualización da “muller floreiro”, figuras femininas tradicionalmente pasivas que a artista transforma en protagonistas fortes e empoderadas. 


                                            (Sororidad. Lara Lars)



                                  (Colección Collages. Lara Lars)


   Ao longo da súa carreira, Lara Lars logrou consolidarse como unha das ilustradoras contemporáneas máis salientables en España. A súa obra foi publicada en revistas como Vogue, Vanity Fair ou Marie Claire, e traballou con editoriais como Anagrama ou Seix Barral. Tamén colaborou con marcas e institucións culturais de relevancia, entre elas Netflix, o Museo Thyssen-Bornemisza ou campañas institucionais vinculadas á igualdade.


                                           (Feliz por mí. Lara Lars)

lunes, 20 de abril de 2026

GERTRUDE BELL






    Gertrude Bell foi unha escritora, exploradora, arqueóloga e funcionaria británica de finais do século XIX e principios do XX. Gertrude tivo unha vida bastante singular para a súa época. Naceu nunha familia acomodada en Inglaterra e estudou en University of Oxford, onde destacou en Historia, algo pouco común para unha muller nese momento.

    Viaxou cumpridamente por Oriente Medio e converteuse nunha gran coñecedora da rexión. Durante e despois da Primeira Guerra Mundial, desempeñou un papel político importante na administración británica, axudando a definir as fronteiras e a organización do moderno Iraq. 

    Alén do seu labor político, foi unha gran exploradora: percorreu zonas desérticas de Oriente Medio dacabalo e en caravanas, aprendeu árabe e estableceu relacións directas con líderes tribais. Grazas a ese coñecemento, o goberno británico considerouna unha peza crave durante a reorganización da rexión tras a guerra. Traballou xunto a figuras como T. E. Lawrence e tivo un papel importante na elección de Faisal I de Iraq como rei. 

    Tamén impulsou a creación do actual Museo Nacional de Iraq, intentando preservar o patrimonio arqueolóxico do país. Aínda así, a súa figura é complexa: por unha banda, foi unha pioneira en campos dominados por homes; por outro, a súa implicación no proxecto colonial británico fai que o seu legado sexa obxecto de debate hoxe en día.






O libro Mesopotamia de Olivier Guez é unha obra que mestura biografía, historia e reflexión política para contar a vida de Gertrude Bell. 

Non é unha biografía tradicional: Guez constrúe un relato bastante narrativo e áxil, case novelado, onde segue a Bell nas súas viaxes por Oriente Medio e no seu papel crave na creación do moderno Iraq tras a Primeira Guerra Mundial. 

O libro destaca varios aspectos: A súa personalidade: independente, culta e moi adiantada ao seu tempo. A súa paixón polo mundo árabe e a arqueoloxía. A súa influencia política, especialmente na configuración de Iraq. E tamén o lado máis crítico: como o seu traballo estivo ligado ao colonialismo británico e a decisións cuxas consecuencias aínda se notan.