Unha ollada á ilustración galega a través de Laura Castro Rial
O noso espazo de igualdade ILUSTRÍSIMAS achégase nesta ocasión ao mundo da ilustración da man de Laura Castro Rial, artista galega natural da Illa de Arousa, coñecida artisticamente como A Ghatada.
A súa traxectoria está marcada pola creatividade, o emprendemento e a paixón pola pintura e a ilustración.
En 2021 creou A Ghatada, un proxecto persoal no que comezou compartindo ilustracións inspiradas na súa familia, nas persoas próximas e nas escenas da vida cotiá en Galicia.
En febreiro de 2025 decidiu dar un paso importante na súa carreira e converter a súa paixón pola arte na súa profesión, establecéndose como ilustradora autónoma. Desde entón, desenvolve un proxecto artístico centrado na creación de recordos personalizados a través da pintura e da ilustración.
Unha das súas especialidades son os retratos en directo (live art), que realiza en vodas, celebracións, eventos corporativos e actividades para marcas. Nesta modalidade, debuxa e pinta as persoas asistentes, ofrecéndolles unha lembranza artística única.
O seu traballo acadou unha importante repercusión tras ser contratada pola marca Zara para un evento corporativo en Santiago de Compostela, no que realizou retratos en directo de decenas de directoras de tendas procedentes de toda España en apenas dúas horas.
A súa historia representa o valor do emprendemento creativo e a capacidade de transformar unha afección artística nun proxecto profesional propio.




No hay comentarios:
Publicar un comentario